Wednesday 08 de May de 2024

Lionel Scaloni e MIKA abren este martes as Festas de María Pita


O pregón do ex xogador do Deportivo e seleccionador de Arxentina comezará ás 21.00 horas

Este martes, 1 de agosto, comezan as Festas de María Pita 2023 co tradicional pregón, que terá como protagonista este ano a Lionel Scaloni. O ex xogador do Deportivo e seleccionador arxentino regresará á cidade que o acolleu entre 1998 e 2005, e onde conseguiu co club branquiazul unha Liga, unha Copa do Rei e dúas Supercopas.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, quixo agradecer a Scaloni a súa predisposición para ser o pregoeiro destas festas. “Lionel é unha persoa moi querida por todos os deportivistas e coruñeses que sempre ten palabras de agradecemento para a cidade”, sinalou a rexedora. A Coruña renderalle deste xeito homenaxe ao actual adestrador da selección arxentina, coa que conseguiu en decembro o Mundial. “Na nosa cidade viviuse moi intensamente aquela final polo que Scaloni significa para nós e pola gran cantidade de arxentinos que viven na Coruña. Por iso cremos que é de xustiza recoñecer mañá os seus éxitos”, apunta Rey.

O seu pregón está previsto para as 21.00 horas. O Concello da Coruña planificou un dispositivo especial para garantir a seguridade de todas as persoas asistentes á praza de María Pita, ante a previsión dunha grande afluencia. O pregón poderá seguirse a través de streaming e haberá pantallas xigantes en María Pita.

Tras o pregón, ás 22.00 horas, comezarán as actuacións das Noites de María Pita. O primeiro concerto será do británico de orixe libanesa, MIKA. O artista é un vello coñecido dos coruñeses e coruñesas tras o seu paso polo Festival Noroeste Estrella Galicia no ano 2012.

Programación Noites de María Pita
● 2 de agosto, 22.00 horas: Víctor Manuel
● 3 de agosto, 20.30 horas: Locos Coruña: Seguridad Social, Melon Diesel, Rafa Sánchez, Revolver. Artistas invitados: The Refrescos, Miguel Costas, Tennesse, Guaraná e La Poptelera
● 4 de agosto, 22.00 horas: Amaia Romero
● 5 de agosto, 22.00 horas: Vanesa Martín
● 6 de agosto, 22.00 horas: El Kanka
● 7 de agosto, 20.00 horas: Rock en familia
● 8 de agosto, 22.00 horas: Waterboys
● 13 de agosto, 22.00 horas: Los40 Summer Live: Zzoilo, Leo Rizzi, Marlon, Hilario, Paula Cendejas, Polo Nández, Álvaro de Luna, Nickzzy, Miki Núñez, Charlie USG e Paula Koops.
● 15 de agosto, 22.00 horas: Xabier Díaz
● 16 de agosto, 22.00 horas: Umberto Tozzi
● 20 de agosto, 22.00 horas: Mangüi sempre en nós. Concerto homenaxecelebración a Manuel Martín “Mangüi” con Os Diplomáticos de Monte-Alto, Antón Reixa, Bieito Romero, Josito Pereiro, Mercedes Peón, Paco Lodeiro, Uxía…